Engaiolarte naceu en 2014 e desde entón fomos especializándonos en dous tipos de edición.
Primeiramente os libros pensados para as idades máis temperás, nas que promover o afecto e a cercanía aos libros e á lingua son fundamentais. Con coleccións como os libros para Barrigolas ou Toca-Toca, demos os primeiros pasos, e seguimos avanzando, sempre procurando títulos coidadosamente traballados, que ademais de divertir axudan ao desenvolvemento psicomotriz das crianzas.
Noutras liñas editoriais traballamos co libro gráfico e literario. Estreámonos con Lugo, a cidade dos tesouros encantados e nesa andaina ensarilláronse títulos como O ouro de Ourense, Carballo, derrubando muros con pintura, Palacios, Gómez Román e outros arquitectos ou O Porriño, historia e patrimonio cultural.
Satisfainos ter encetado a Biblioteca Xohana Torres, na que publicaremos toda a súa obra completa. Arrincamos, orientados pola man xenerosa de Xohana Torres, coa edición do seu derradeiro libro, Elexías a Lola. Hoxe seguen saíndo novos libros, que rescatan tamén obras apenas difundidas, nos xéneros do teatro e do ensaio.
Co entusiasmo de Xosé Ramón Iglesias Veiga e Quico Paz Antón, puxemos en marcha a edición dos debuxos inéditos do arquitecto Antonio Palacios.
E en colaboración con Aira Editorial, agasallamos á cultura galega o hercúleo traballo de Xabier Rodríguez Baixeras, Dicionario da Comida Galega.
Guíanos na aventura o lema que nos agasallou Xohana Torres:
«Engaiolarte. Arte na xaula, alegría das alas, ¡Poesía libre!»