Autores/as

Xosé Ramón Iglesias Veiga

(Mos, 1957 – 2020). Doutor en Historia de Arte, coa tese “A tendencia rexionalista na arquitectura galega das primeras décadas do século XX” defendida en 2010 coa máxima cualificación. Premio extraordinario do doutorado da Facultade de Xeografía e Historia (Departamento de Historia da Arte). UNED. Madrid. Membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses.Nesta institución desempeñou durante varios anos o cargo de secretario-conservador. Profesor relator en numerosos cursos de formación do profesorado relacionados coa historia de Galicia, a súa cultura, arte  e patrimonio arquitectónico. Vogal da Comisión Provincial de Patrimonio Histórico de Pontevedra da Xunta de Galicia entre o 2007 e 2010, designado no apartado de persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de patrimonio cultural. Ten unha amplisima bibliografia relacionada coa arquitectura e o patrimonio.


Xosé Ramón Paz Antón

Nado no Porriño en 1957, é un músico, pintor, escritor e político galego. Membro fundador do grupo musical Na Lúa (1980), compartiu este labor coa actividade plástica a partir da década dos noventa. Uns anos despois comeza a publicar artigos e libros sobre historia contemporánea e musicoloxía. Foi concelleiro do BNG no Porriño no período 1991-2003 e en 2011. Elixido parlamentario pola provincia de Pontevedra nas eleccións autonómicas de 2005, presidiu as Comisións de Industria e Emigración do Parlamento galego. Autor de O Porriño 1936, (A Nosa Terra 2007) e Bandas, músicos e orquestras do Porriño, (A Nosa Terra 2009) entre outros títulos.


Xavier R. Baixeras

Naceu en Tarragona, 1945, aínda que a orixe familiar por parte do avó paterno é de Nois (Foz). Conta Baixeras, “meu pai, que era secretario de administración local, tivo o seu destino na Pobra do Caramiñal. Pero miña nai, que era moi catalá, quixo que eu nacese en Cataluña e levoume a ver a primeira luz ao Mediterráneo. Na Pobra, e logo en Ribadeo, o segundo destino, falábanse tres linguas na casa: o catalán entre os meus pais e a miña nai comigo, o castelán do meu pai, que era de mentalidade “conservadora”, comigo e meus irmaos, e o galego das criadas entre elas e, por veces, tamén connosco. Eramos cinco irmaos: Rafael Baixeras, pintor, Antonio, escribiu narrativa e Enrique Baixeras, un dos pioneiros do cine galego de comezos dos setenta. Teño tamén unha irmá, Asunción”. 

Poeta e ensaista, ten realizado un importante traballo como tradutor (obras de Blai Bonet, Miquel Costa i Llobera, Hélia Correia, Marià Villangómez, Antoni Marí…). Publicou Fentos no mar, ao que seguirían  Anos de viaxe, Visitantes, Beira norte, Eclipse, O pan da tarde, Bos tempos para a lírica, Luz extinta ou Brasil no centro. Recibiu os premios de poesía Miguel González Garcés, Losada Diéguez e os da crítica galega e española. Grande afeccionado á gastronomía, en 2004 publicou Diario de comidas.

Retrato de Xavier R. Baixeras realizado por Xosé Mª  Álvarez Cáccamo.


Xohana Torres

(Ferrol, 1931 – Vigo, 2017) Nacida en Ferrol, viviu sucesivamente na Coruña e Vigo para  recalar finalmente no concello de Nigrán, onde construíu a casa familiar e viviu durante varias décadas, ollando o Atlántico desde a ladeira de Monteferro, unha visión que ten deixado fonda pegada na súa voz literaria.

Poeta, dramaturga e novelista, Xohana Torres ten percorrido todo o abano literario. A escritora que no seu discurso de entrada na Academia Galega afirmou “as mulleres sostemos a metade do ceo” é un punto de referencia polo seu compromiso desde moza co sostemento e a difusión da lingua e a cultura do país, nun tempo en que as dificultades políticas e de difusión eran máximas. Aínda que sempre mantivo un perfil público baixo, a importancia da súa obra é unanimemente recoñecida por toda a crítica. Aquí podes consultar máis datos sobre a súa obra.

Retrato de Xohana Torres realizado por Laxeiro.


Lois Diéguez

Monforte, 1944. Estudos de bacharelato na súa cidade natal e de Enxeñeiro T. Topógrafo en Madrid, profesión que exerceu no Concello de Lugo durante 37 anos. Foi deputado polo BNPG/PSG na primeira lexislatura do Parlamento Galego. 

Ten un amplo campo de traballo como colaborador de xornais e revistas (El Progreso, A Nosa Terra, Terra e Tempo...), na Radio (Galicia Sempre), como compoñente do grupo poético Círculos Líticos en realización de espectáculos culturais, ou como presidente de Lugo-Patrimonio na defensa do noso Patrimonio material e inmaterial. Activo conferenciante tanto no noso país como fóra del e inquedo viaxeiro por países de África, Europa e Asia. Autor múltiple de narrativa, poesía, libros de viaxe, aquí podes consultar máis datos sobre a súa obra.


Bieito Iglesias

Ourense, 1957. O autor exerce de cazador de bolboretas, de efémeras actualidades que os lectores poden atopar desecadas nas columnas de A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Grial, Galicia Internacional, Tempos Novos… Tamén é responsable da dobraxe ó galego de certas voces victorianas: Biblioteca Sherlock Holmes (1995-1997, nove tomos). Todo isto a partir dos 30 anos. Antes estivo moi ocupado en nacer e criarse nos bairros ourensás de Quintián e A Chavasqueira, ó pé do Miño, dos ciganos, dos labregos transplantados dos Chaos de Amoeiro e de Brunilda (nome co que se coñece o virus da poliomelite). Seguir lendo autobiografía e datos da súa obra.


Xan Carballa

Vigo, 1960. Fotógrafo en A Nosa Terra desde a súa fundación, a finais de 1977, incorporouse á redacción do semanario, como xornalista, en abril de 1982. Entre 1984 e 1996 coordinou os suplementos monográficos A Nosa Cultura, dedicados aos principais autores da nosa literatura. Entre 2004 e 2006 foi director de Edicións A Nosa Terra e de 2007 a 2010 subdirector do semanario. É coautor, con Santiago Prol, do libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra, 2002). En 2012 saiu na Editorial Galaxia Biografía de Valentín Paz-Andrade e Antoloxía de VPAMáis información neste enlace.


Xulio Gil

Ourense, 1954. Veciño de Vigo, matemático e fotógrafo galego. De pai vigués, viviu a infancia e a adolescencia na Rúa Aragón da cidade de Vigo. Estudou Enxeñería para logo pasar a Matemáticas. En Santiago de Compostela coñeceu ao arqueólogo Antón Rodríguez Casal, que lle transmitiu a paixón pola prehistoria que o levou a comezar a relación co mundo da arte.

Expuxo por primeira vez en 1976 na Praza da Princesa de Vigo. Ten obra súa a Colección Afundación e o Museo de Pontevedra. Foi premio da Crítica en Artes Plásticas e Visuais no ano 2013. Aquí pode obter máis datos sobre a súa extensa obra editorial e fotográfica.


Eliseo Alonso

Tomiño, 1924 – La Habana, 1996. No 1950 emigrou a Buenos Aires e traballou na prensa da Arxentina. Colaborou tamén na prensa galega da diáspora. Á volta a Galicia seguiu colaborando na prensa americana, na española e na galega, especializándose en temas de caza e pesca. É autor de varios libros en castelán sobre a súa terra natal así como dalgunhas narracións, os Contos do Miño (1955), a novela A rúa do noxo (Galaxia, 1977) e o libro de relatos para nenos Reiciñeira(1981), que contén contos narrados inicialmente para a súa filla. Máis información neste enlace.