Temos dereito a un futuro distinto

Conversas con Xavier Vence

Xan Carballa

Páxinas: 204  Formato: 16x17

ISBN:  978-84-942388-0-2

Prezo:  15 €


O catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, na altura de 2014 portavoz do Bloque Nacionalista Galego, aborda nesta longa conversa a súa biografía e os retos que ten Galiza: “non somos un país pobre, nin o tamaño nos impide ser donos do noso destino. A soberanía é a mellor ferramenta para preservar os dereitos sociais e laborais,

crear unha banca pública, priorizar a creación de emprego e dinamizar a economía. Temos dereito a un futuro distinto e debemos sumar forzas para conseguilo”.

Vence liderou o BNG logo da ruptura de 2012, e propón neste traballo a construcción dunha alternativa “que enganche detrás de si unha gran parte da sociedade. Ten que ser ambiciosa e realista para facerlle ver que é posíbel outro camiño, que hai opcións para resolver os problemas reais. O obxectivo central dun proxecto nacionalista e de esquerdas pasa por preservar e desenvolver a economía produtiva. Sen iso non se pode crear emprego, riqueza e rendas. Ter base produtiva é a clave e sen ela non hai sociedade diferente que se poida construír”.



CONSULTA GALERIAS FOTOGRÁFICAS DAS PRESENTACIONS

MEDIOS

MEDIOS














Rúa Álvaro Cunqueiro 20A,  entr. dta.  l  36211 Vigo   l   engaiolarte@gmail.com 


LIBROS       AUTORES/AS        PARA CRIANZAS           ONDE MERCAR

Sermos Galiza (19 de maio de 2014)

Reseña crítica en Biosbardia


“A descoberta dun político”

César Lorenzo Gil


A editorial Engaiolarte debuta cun libro de xornalismo. Temos dereito a un futuro distinto. Conversas con Xavier Vence, de Xan Carballa, é unha longa e profunda entrevista co portavoz nacional do BNG que de seguro sorprenderá os lectores. Porque Xavier Vence é un político en aparencia de curto percorrido, escollido hai apenas dous anos para o posto do liderado da fronte nacionalista. Mais en realidade, a pesar de ser máis coñecido nos últimos anos polos seus traballos derivados do posto de catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, a súa traxectoria nos colectivos nacionalistas vénlle de antigo, cando era un mozote chegado de Rodeiro a Vigo para estudar no instituto.

O libro asinado por Xan Carballa é unha pescuda global da figura de Vence. O autor da obra é consciente da necesidade de ir desvelando a propia vida do entrevistado ao tempo que cómpre explicar o seu ideario político, acender un debate co político e economista ao redor daqueles temas que hoxe en día máis comenta a xente.

Nesa dupla vía consérvase o equilibrio entre o Vence humano, íntimo, que usa a memoria para rememorar os seus anos de infancia e xuventude, e o Vence reflexivo, ideólogo e comentarista da actualidade política, social e sobre todo económica. Nese discurso alterno está un dos achados do libro. O outro: a capacidade para non afogar na conxuntura actual nos comentarios do entrevistado. Cando se fala da Galicia de hoxe, non se debuxa unha caricatura nin un bosquexo feito ás présas con vontade electoral. As reflexións son de longo alento, os diagnósticos e o sinalamento dos riscos e ameazas para o noso país parten dun deseño estudado. Esas “receitas” sobre o porvir poderán ser estudadas dentro de dez anos, tanto para saber que país tiñamos no 2014 coma que país quereremos construír daquela, cando moitas das cousas que anuncia o líder nacionalista galego xa estean a ocorrer.

Un líder descoñecido

O retrato que constrúe Carballa neste volume fortalece a figura de Vence. Primeiro, tíraa do habitual tópico no que calquera político nacionalista se ve envolto polos medios de comunicación máis vendidos. O portavoz nacional do Bloque preséntase como un académico mais tamén como un activista, con autonomía, ideas propias e unha clara vontade de recuperar aqueles movementos que converteron no pasado o BNG nunha forza capaz de optar a gobernar Galicia.

Ademais, grazas a este libro, atopamos un Xavier Vence ao tanto de todos os vectores que definen o noso país e en todos os desafíos presenta argumentos sólidos para intentar unha vía alternativa á actual. No libro debúllanse algúns temas polo miúdo, caso da dependencia enerxética, a carencia dunha banca propia ou a ameaza do envellecemento nun país con grandes áreas despoboadas. Vence non repite tópicos, ofrece alento e nótase que está atento aos novos camiños que a propia sociedade galega vaia tomando no futuro para acometer os novos retos que pasaremos como país.

Xavier Vence é un dos máximos expertos en Economía real que temos hoxe en Galicia. Os seus traballos están nas bibliotecas para os consultar e comprobar como si alertou de determinados perigos que hoxe se converteron en danos quizais irreversibles para a nación: o desequilibrio de poder entre o poder electo e moderno da administración autonómica fronte ao poder indirecto e vetusto das deputacións; a desconexión das caixas galegas das necesidades financeiras dos galegos; a imposición dun dogma neoliberal baseado en mentiras ou medias verdades.

O político sabe gardar eses recursos e coñecementos para o seu novo papel; no libro mostra toda a súa bagaxe mais agora xa non está no papel de técnico senón no de cabeza visible dun proxecto ideolóxico e organizativo que debería aproveitar este volume para iniciar de novo un traballo de difusión social do seu ideario. Porque o título de Xan Carballa serve tamén como trinque das novas ideas do BNG e tamén como primeiro paso na reconfiguración necesaria no mapa de siglas do nacionalismo galego.

Traballei durante once anos ao lado de Xan Carballa. Coñezo o seu perfil como entrevistador. Conversador curioso, capaz de atopar o enfoque a un tema fóra dos tópicos ou dos titulares, non dubida en pousar o bolígrafo para atender a esencia das palabras do seu interlocutor. Este seu novo traballo chega despois doutros traballos ao redor da biografía e o xornalismo de longo alcance. Igual que no pasado retratou a Francisco Carballo e a Valentín Paz Andrade, desta volta, o periodista consegue captar a dimensión poliédrica dun líder do novo tempo.



Reseña en Bretemas


Temos dereito a un futuro distinto

Manuel Bragado

A viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.


Opinión en Sermos Galiza


Xavier Vence, desde a cordialidade do corazón

Manuel López Foxo

En tempos revoltos, politicamente tan confusos e de tanto caos mental, agradécese a claridade dun libro como o que agora nos ofrece Engaiolarte Edicións da man de Xan Carballa: Temos dereito a un futuro distinto. Xavier Vence. Conversas. Para os lectores e as lectoras que amamos os libros de conversas desde aquela primeira edición d´Unha ducia de galegos, este magnífico traballo do xornalista Xan Carballa non nos ha defraudar. 

En tempos revoltos, politicamente tan confusos e de tanto caos mental, agradécese a claridade dun libro como o que agora nos ofrece Engaiolarte Edicións da man de Xan Carballa: Temos dereito a un futuro distinto. Xavier Vence. Conversas. Para os lectores e as lectoras que amamos os libros de conversas desde aquela primeira edición d´Unha ducia de galegos, este magnífico traballo do xornalista Xan Carballa non nos ha defraudar. En todo caso eu lamento que en vez de vinte e cinco horas de conversas non fosen cincuenta, porque a propia personalidade de Xavier Vence dá para iso e para máis. En realidade é unha primeira e moi necesaria aproximación á súa biografía e ao seu pensamento político e económico, mais nós agardamos que pronto haxa unha nova edición na que moitos dos temas que aquí se abordan, non sen un certo esforzo de síntese, poidan ser debullados cunha maior profundidade no futuro. Despois de ler o libro, as súas pouco máis de duascentas páxinas, temos a sensación de que Xavier Vence deixou moito por dicir nestas conversas, sobre todo coñecendo a súa obra ensaística e moitos dos seus discursos. Supoñemos que para Xan Carballa sería un pracer poder contar con máis ocos na axenda de Vence, cando menos do mesmo tempo co que el e Santiago Prol dispuxeron no seu día para conversar tranquilamente con Francisco Carballo.

Xavier Vence é unha persoa que se caracterizou sempre por ter interlocución con todos os sectores do nacionalismo galego, un home que busca a empatía cos demais e que lle dá moita importancia aos sentimentos na política, que posúe unha grande capacidade de diálogo e que ten vocación de integración, un dirixente nacionalista, ademais, plenamente convencido de que hai que reconstruír moitas pontes, un nacionalista de esquerdas que incluso lamenta non ter cultivado a relación con Valentín Paz-Andrade ou non ter tratado antes a Isaac Díaz Pardo, a Francisco Fernández del Riego ou a Xaime Illa Couto. É tamén Vence unha persoa que se esforza por comprender desde a súa óptica ideolóxica, e moitas veces desde unha discrepancia moi profunda, as diversas posicións que o nacionalismo galego e os seus dirixentes adoptaron nas sucesivas etapas históricas, sen caer nunca na descualificación persoal, na crítica feroz ou no desprezo político ou intelectual. Sabe discrepar con elegancia, procurando ser moi ponderado en calquera xuízo, recoñecendo, se é preciso, a boa intención da estratexia política máis errada. En definitiva, tece o seu discurso desde o respecto e desde a cordialidade do corazón. E iso vese con clareza neste libro de conversas cando fala, por exemplo, da figura de Valentín Paz-Andrade, do nacionalismo na encrucillada da transición, da etapa do bipartito na Xunta de Galiza ou do relevo xeracional no BNG. Nada que ver co ton e co fondo doutras explicacións que circulan por aí, máis propias dun axuste de contas que da grandeza humana que calquera nacionalista debe ter cada vez que fai referencia a outra persoa comprometida igualmente co país, aínda que o seu compromiso sexa desde unha visión ideolóxica diferente e mesmo con comportamentos humanos e políticos criticábeis. Lamentabelmente, pouco aprendemos neste sentido daqueles outros nosos mestres do vello Partido Galeguista. Todo o que poidamos facer hoxe por recuperarmos para o nacionalismo galego o concepto de irmandade de don Ramón Otero Pedrayo, de Antón Vilar Ponte, de Bóveda ou de Castelao será moi positivo para o futuro do país. E Xavier Vence sábeo ben.

A pesar de que a Vence resúltalle difícil ser breve nas súas intervencións públicas, nas respostas que vai dando ás diversas cuestións que lle formula Xan Carballa ao longo destas conversas, é patente o esforzo que fai Xavier Vence por sintetizar o seu pensamento, as súas ideas, a súa análise, evitando a lección maxistral que tantas veces podería dar como resposta a moitas preguntas. Nas súas palabras hai, así mesmo, unha claridade discursiva e unha vontade pedagóxica que non sempre está presente no verbo dos economistas e dos profesores universitarios. Xavier Vence procura por riba de todo a comunicación. Hai un momento da conversa no que di: “Temos que expresarnos coas nosas ideas pero coas palabras da xente”. E ilustrao cun lema da época do BN-PG:Gobernemos nós a nosa terra. “Detrás dese lema -afirma Vence- estaba toda a complexidade da autodeterminación e a loita pola soberanía, pero con palabras comprensíbeis de inmediato”. Creo que é moi importante esta observación que fai Xavier Vence, porque posibelmente no nacionalismo galego pecamos moito desde sempre de utilizar un vocabulario doutrinal e uns conceptos políticos que resultan de difícil comprensión para a maioría da xente e mesmo actúan de valado entre o nós e a nosa sociedade. Para unha organización que precisa crear constantemente conciencia de país para gañar apoio social e electoral -e iso non lle acontece a outras forzas políticas- non é unha cuestión menor a comunicación. E diso tamén é moi consciente Xavier Vence.

Xan Carballa soubo levar as conversas a aquelas cuestións que máis lle poden interesar e preocupar a calquera galego ou galega con conciencia de país. Este brillante xornalista, editor e fotógrafo vigués ábrelle a porta a Xavier Vence para que fale do piñeirismo e da reorganización do nacionalismo galego -un período que Vence non vivíu persoalmente, mais que coñece moi ben-, do proceso da Transición, da posición que nesa circunstancia histórica mantivo cada unha das ponlas do nacionalismo existente a esas alturas, de tácticas e estratexias, do ideoloxismo, da importancia da flexibilidade e da habelencia política, do nacionalismo galego despois de Amio… E, naturalmente, aborda cuestións como o desmantelamento das caixas, a banca pública, a capacidade de decisión e a soberanía, as posibilidades de futuro dos países pequenos, a globalización, o modelo agrario, o papel da muller na sociedade, a política fiscal, a corrupción, o proceso de recentralización política, a Unión Europea, a perda de poboación, a situación da lingua galega, a vida organizativa e o papel dos dirixentes… A verdade é que nalgunhas explicacións Xavier Vence podería ser máis extenso, pero dificilmente podería ser máis claro e máis pedagóxico. Este é un libro para construír e reconstruír, para favorecer o entendemento, para impulsar outra cultura política. Unha nova linguaxe para un tempo novo.

Deixo para o final deste artigo o primeiro capítulo do libro, que é tamén o máis íntimo, o máis persoal, o máis autobiográfico, e talvez o que mellor nos dá a verdadeira dimensión humana deste catedrático de Economía Aplicada, formado academicamente á sombra do maxisterio de Beiras e de López Suevos, mais tamén á sombra doutros persoeiros como Christian Palloix e Robert Boyer. Igual que na biografía de José Saramago foi fundamental a súa infancia na Azinhaga e aquel seu avó Jerónimo, analfabeto e sabio, que, ao presentir que a morte o viña buscar, foi despedirse das súas árbores, unha por unha, abrazándose a elas e chorando porque sabía que non as volvería a ver, na traxectoria vital de Xavier Vence será decisiva a súa nenez nunha aldea de Rodeiro, sen libros e sen televisión, aprendendo dos adultos e da natureza, axudando nos labores do campo ou descubrindo historias como a aquela que lle contaba un vello do lugar de como mataron o Piloto. Aquel neno que tivo a súa primeira foto aos sete anos, e que non viu o mar ou unha cidade até os once, é hoxe unha das cabezas mellor amobladas do nacionalismo galego, un home que fala varias linguas, o francés e inglés entre elas, e que non renuncia a dialogar co seu propio pobo da necesidade de defender un futuro distinto para Galiza. A lucidez ao servizo do país.